Friday 17 de May de 2024

O Concello de Boqueixón promociona os seus atractivos turísticos cun expositor propio na feira Turexpo-Festur


Protagonizará unha degustación de produtos cos veciños municipios de Vedra e Vila de Cruces este venres 8 de xuño

O Concello de Boqueixón promocionará esta semana os seus atractivos turísticos na feira Turexpo-Festur, incluída dentro da 41ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde. A cita desenvolverase entre os días 7 e 10 de xuño no recinto feiral de Silleda.

“Abanca Semana Verde está posicionada como o maior certame multisectorial de mostras e lecer do noroeste peninsular, revalidándose ano tras ano, con éxito de asistentes, como referente feiral. É por iso que dende o Concello de Boqueixón apostamos por estar presentes nesta cita, amosando ao numeroso público asistente os meirandes atractivos do noso municipio, dándolle, deste xeito, unha maior visibilidade, sempre na procura de ampliar o coñecemento sobre o noso territorio”, indica o alcalde boqueixónes, Manuel Fernández Munín.

Boqueixón contará cun expositor propio onde amosará o seu amplo patrimonio cultural, arquitectónico, gastronómico e turístico. Non faltarán, neste senso, Festas de Interese Turístico como A Filloa de Lestedo e os Xenerais da Ulla, información que se complementará cos atractivos de enclaves de referencia como o Pico Sacro ou a Ponte Romana de Ledesma.

Ademais de ofrecer información, o Concello de Boqueixón protagonizará este venres 8 de xuño unha Degustación de Produtos da zona. Terá lugar ás 12.30 horas no pavillón 2 do recinto feiral silledense e ralizarase de xeito conxunto cos municipios de Vedra e Vila de Cruces.